martes, 6 de abril de 2010

Quedoume atras a etapa 7

Aqui a tedes, non ten desperdicio

Etapa 7: Villafranca del Bierzo a San Mamede do Camiño (Sarria)
Perdoade que me alargue máis na crónica da etapa que máis recordaremos e seguramente repetiremos algúns dos que a sufrimos.
A longa etapa anterior conduciunos a un albergue público. Estes albergues son baratos (4 a 6€) pero contan con estrictos horarios xa que hai que deixalos antes das 8 da mañán. Tamén soen ser os máis problemáticos nas duchas. Hai que facer cola para entrar nun dos habitáculos que non sempre ofrece auga todo o quente que debería. Nalgún caso, como en Carrión de los Condes, a temperatura da auga era escasamente soportable. Para evitar este problema pódese aplicar a técnica Marzochi, que é recoller todo correndo, ser o primeiro en atopar as habitacións e meterse na ducha case vestido. O estilo de Pichón é máis ben deixar as carreiras e, con moita calma, esperar a que a auga volva a quentar cando os demais rematen. A maioría simplemente resignámonos á sorte que dicte a capacidade da caldeira de turno. O escalofriantes ou placenteiros berros que saen dos baños anticipan aos demais o que se atoparán.
O día arranca co fortaleceder desayuno que, despois de día festivo, fíxonos coincidir con algún reenganchado da noite anterior dando pé a conversas, surrealistas e un poucos obscenas. Había algunha moi animada por alí a coñecer mellor aos bicigrinos cangueses pero… non había tempo para facer relacións públicas.
A conversa segue uns 5 minutos en termos parecidos que quizais non resulte apropiado reproducir.
A xornada preséntase co complicado ascenso ao Cerebreiro e a desexada reentrada en Galicia. Arrancamos con moita calma, gardando forzas entre unha poalla constante pero sen o frío xa de Castela. O Cebreiro conta, ao igual que pasara co Cruz de Ferro, cuns 20 quilómetros moi suaves e 8 duros.
O ascenso ao Cebreiro comeza por unha pista que discorre sempre paralela e pegada á estrada por onde paseamos alegremente entre cánticos e risas, sempre pegados a un bonito río e cruzándonos coa faraónica autopista. Aquí destaco outra vez o arte con que Besbello ía arrancando unha canción tras outra. Crúzanse varios pobos de pedra e pizarra, que parecen da mesma montaña luguesa, e facemos un alto para comer unhas chocolatinas baixo a incesante choiva antes de comezar a parte dura do porto. Ao noso arredor vemos altos precipicios envoltos en nubes. Non se observa a esperada e temida neve que nos regalou o día anterior.
A arrancada tras o pequeno descanso xa anticipa o caótica que sería a etapa xa que non todos saímos á vez e non tiñamos claro quen ía diante nin por onde. Segundo Racso só unhas pequenas rampas non eran ciclables así que o meu grupo métese polo camiño dos peregrinos dende abaixo. Diego e Alberto van a bo ritmo diante e o collen un par de quilómetros máis arriba mentres Manuel (presi) e Marzochi arrancaron antes en non sabemos por onde tiran.
Metémonos de cheo en camiños antigos e empedrados. As rampas serpentean entre enormes castiñeiros. Son imposibles de subir pola mezcla de pedra pizarrenta esbaradía, auga correndo, lama e empedrados irregulares. O primeiro quilómetro fixémolo case todo a pé e fómonos separando a medida que cada un escollía a súa forma de regular o ritmo de subida. O ritmo de Racso, sobrado de forzas, vai marcado polas paradas a fotografar cada rincón da inmensa fraga que atravesamos para emocionarnos co incrible reportaxe que agora nos brinda. Tras a pelexa cos empedrados iniciais pódese ir collendo un pouco de ritmo cando a lama non o impide. Atravésase unha primeira aldea entre rampas matadoras cunha choiva cada vez máis fría. Supérase un novo empedrado empuxando a bicicleta para continuar os últimos 4 quilómetros durísimos pero completamente ciclables.
Aquí estamos xa en partes máis altas e a densa fraga da paso a prados, toxos, carquexas ou piñeiros. O camiño xa non está encaixoado entre valados de pedras senón que é unha senda usada xa só por peregrinos. Comeza a aparecer vento lateral e a choiva pasa a auganeve e neve.
Pásase a segunda aldea e aparecen precipicios á man esquerda, con vento forte que trae neve e camiños completamente enlamados. Os dous últimos quilómetros son dunha intensidade difícil de recordar nos meus anos na bicicleta: mézclase a beleza en camiños e paisaxes disimulada pola névoa, o cansancio acumulado e multiplicado, a dureza do terreo esbaradío, a neve ás beiras do camiño e peregrinos animando e dando empuxonciños. O frío é intenso e a auga xa nos calou ata os osos. Imos subindo despacio pero ningún pensou en abandoar.
Intúese o Cebreiro ao aparecer unha pedra que da a benvida a Galicia (peguei un gran berro de alegría). A neve é máis alta e volven haber valados de pedra. Entro na aldea para reunirme con Alberto e Diego na taberna ao pé do lume, cun café na man e esperando que todos cheguen arriba sans e salvos. E así foi, viñemos por camiños e carreteras distintas e todos pensamos que o noso camiño era o máis duro. A Manuel costoulle máis recuperar a temperatura do corpo pero continuamos todos tras máis dunha hora gozando do refuxio e descanso, sen saber que aínda quedaba moita dureza.
Do Cebreiro ao Poio vaise por camiños e estradas con neve abundante e chuvascos pasaxeiros. O frío fai que non poidamos parar a esperarnos e ás veces non temos claro onde van os outros. No Poio (1330 mts) facemos grupeto os 6 últimos e a maioría insiste en que o frío e xeo fan preferible baixar por carretera. Tras un quilómetro xeador atopamos a Pablo esperando. Únome a el para facer o resto do descenso polos camiños e deixo aos outros pelexarse co vento pola estrada. Os camiños eran pedrentos, revirados, enlamados, perigosos, sucios, fedorentos… era un descenso maravilloso e interminable no que acabei coas pastillas de freno e gocei dominando a bici entre carballos, castiñeiros, aldeas, prados, toxos, xestas...
Pablo e máis eu chegamos abaixo, a Samos, en bo estado xa que a intensidade da baixada e a escasa velocidade impediron que nos enfriásemos tanto como algúns que estaban tiritando sen sentir pes e mans. No pobo, os poucos que había esperando insistiron en seguir pola estrada así que acabamos os restantes 25 quilómetros rompepernas con Alberto, Diego, Da toxeira e Chapela a ritmo endiañado. Despois arrepentinme de non ter seguido a disfrutar dos primeiros tramos típicamente galegos polos carreiros e camiños que unían as aldeas de Samos e Sarria.
Chegamos a un maravilloso albergue perdido no medio dos vales e cun ambiente relaxador. Houbo varios dannificados polo frío, e algúns non daban atopado o albergue. Finalmente puidémonos duchar todos con auga ben quente e abundante, desincrustar a lama de caras, roupas e bicis e dirixirnos a Sarria para completar a festa de reentrada en Galicia.
Da noite contarei pouco: só que se cantou, bebeu e bromeou máis que ningún día. Viñamos de atravesar a etapa máis dura e de entrar en Galicia, o himno estivo entre o repertorio e os excesos farían que o día seguinte fose un pouquiño máis duro.
Canto atravesamos Castela, a dificultade estaba nos interminables campos co vento freándonos que minaban a moral. A séptima etapa de montaña, frío, lama e quilómetros foi a máis dura de todas. Sen embargo todos saímos aliviados e contentos; coa sensación de ter superado unha proba dura e maravillosa. Unha agradable sensación percorría os nosos corpos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario